Wednesday 01 de May de 2024

Mañá comeza Mostrart, a cita anual coa artesanía de Galicia na Coruña


A feira, que forma parte da programación das Festas de María Pita, desenvolverase nos Xardíns de Méndez Núñez entre o 29 de xullo e o 27 de agosto

A feira de artesanía MOSTRART, que ten lugar na Corũna desde 1985, abrirá a súa edición número 39 este sábado 29 de xullo, e poderá visitarse ata o día 27 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 22.00 horas. O Concello da Coruña continúa apoiando activamente esta feira, que está incluída na programación das Festas de María Pita 2023, co obxectivo de visibilizar a arte feita a man e xenuína de Galicia.

Este ano Mostrart acolle a 66 artesáns profesionais en 43 casetas. Entre os participantes, 52 son obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e acollidos ao sistema da Marca de Artesanía de Galicia. Cóntase, ademais, coa participación de 16 talleres artesáns de outras comunidades autónomas e cun participante de Francia.

O cartel desta edición é obra do recoñecido ilustrador Javier Fernández Carrera, Pintu, e representa ao deus grego Hefestos, que nunha das súas atribucións representa á Artesanía e, máis concretamente aos oficios relacionados co lume, a forxa e os metais. A ilustración é o resultado da colaboración con distintos artesáns que achegaron pezas para a montaxe de forxa, xoiaría, produtos téxtiles, marroquinaría, instrumentos…

A feira está organizada polo Concello da Coruña e a Asociación Galega de Artesáns, co apoio e colaboración da Fundación Pública Artesanía de Galicia, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña. Pódese consultar a listaxe de expositores na feira en www.galegadeartesans.org/mostrart